Construíndo un voluntariado activo

Ao longo desta semana arelar ven de coordinar unha serie de obradoiros de formación ao redor do voluntariado, que teñen como obxecto a dinamización do Plan de Acción Social do Colexio La Salle e na que o alumnado de bacharelato do centro vai a ter un papel protagonista, con diversas actuación vinculadas a varias entidades de acción social do entorno do centro.

O alumnado tivo unha resposta moi activa ao longo dos obradoiros, que continuarán o vindeiro 17 e 18 de novembro cunhas sesións extraescolares que servirán para perfilar o traballo para o resto do curso escolar no marco do Plan de Acción Social do centro.

A creatividade e o cine como recurso educativo coa mocidade

Arelar coordina unha proposta educativa para mozos e mozas do concello de Boqueixón, na que se creará unha “micromovie xuvenil”, dirixida a desenvolver competencias e destrezas a través da creación colaborativa dunha curtametraxe, vinculándoa ao elemento patrimonial do concello.

Deste xeito, o grupo de mozos e mozas participantes, vivenciarán o proceso creativo nas súas diferentes fases, desenvolvendo unha dinámica grupal que permitiralles desempeñar múltiples funcións (interpretativas, creativas, organizativas ou técnicas….),  ao tempo que adquiren unha serie de competencias sociais, lingüísticas e dixitais, que son de moito interese para os mozos e mozas participantes.

O resultado final, será unha “micromovie xuvenil”, que poña en valor elementos senlleiros do patrimonio do concello dende a óptica dos mozos e mozas de Boqueixón.

O tecido asociativo xerme da participación da mocidade en Teo

 

No marco do Proxecto de Participación Social da mocidade da Teo que coordina arelar, estanse a realizar unha serie de visitas as entidades sociais do concello, de cara a coñecer a dinámica de participación da mocidade, cales son as actividades nas que participan maioritariamente, e que procesos se empregan dende as asociacións nesa dinamización.

Neste achegamento ao tecido asociativo,  teñen especial relevancia as asociacións de cárácter cultural, en particular as vencelladas a cultura tradicional, as asociacións de carácter deportivo,  e as entidades sociais cunha compoñente dinamizadora no seu territorio.

Así mesmo, podemos constatar o enorme papel vertebrador que teñen no concello de Teo as entidades sociais para a dinamización social e cultural en cada unha das parroquias.

O proxecto entra así na segunda fase de execución, no marco deste estudo preliminar para impulsar procesos de participación social na mocidade do concello de Teo.