Menores e tecnoloxías: o gran reto das familias

O pasado mércores tivo lugar na casa das asociacións dentro das “Xornadas de prevención das tecnoadiccións nas nosas crianzas”, unha sesión formativa con Anabel Mosquera, pedagoga e formadora de Gestión Plus, que baixo o título “Menores e tecnoloxías: O gran reto da familias” abordou unha análise moi interesante polas situacións de risco que pode haber asociadas ao uso dos diferentes dispositivos, por parte das nosas crianzas,  ao tempo que realizou un percorrido pola situación que nos estamos atopando segundo a idade dos nosos fillos e fillas e a súa relación coas tecnoloxías.

Na segunda parte da sesión, Anabel desgranou a visión preventiva dende o sistema OCLA (Observar, Controlar, Limitar, Acompañar) e que as familias deben de tentar aplicar para desenvolver o proceso educativo en torno ao universo das tecnoloxías coas nosas crianzas.

Á sesión asistiron moitas familias que amosaron unha actitude moi participativa e plantexaron mútiples cuestións a Anabel Mosquera, o que fixo que a sesión fose moi dinámica e interactiva.

Esta sesión forma parte das “Xornadas sobre a prevención das tecnoadiccións nas nosas crianzas”  que son impulsadas pola Concellaría de Mocidade do Concello de Santiago e coa coordinación técnica de Arelar Xestión Socioeducativa.

 

Remata o proxecto EMPATIZA nos diferentes centros de educación primaria de Vilagarcía

Ven de rematar o desenvolvemento do proxecto EMPATIZA para a resolución pacífica de conflitos dirixido a alumnado de 5º e 6º de educación primaria, e que permitiu que a través de metodoloxías participativas e vivenciais mellorar a comprensión do conflito e identificar estratexias de afrontamento baseadas no respecto e a empatía.

O alumnado puido aprender a analizar situacións conflitivas da súa realidade cotiá, establecer estratexias de afrontamento basadas no “todos/as gañan” e vivencialas en primeira persoa con técnicas de dramatización ou establecendo acordos sobre determinados conflitos que axudaron a mellorar ou encauzar conflitos que xeneraban dificultades de relación ou insatisfacción no alumnado.

O proxecto foi moi ben acollido tanto polo alumnado como polo profesorado, dando resposta a unha necesidade moi latente nos centros educativos, para tentar adquirir estratexias de mellora da convivencia e dun afrontamento axeitado dos conflitos dende esquemas de colaboración e/ou negociación.

 

Aprendendo a afrontar positivamente os conflitos

Hoxe deu comezo o obradoiro de resolución pacífica de conflitos que Arelar está a impartir en ASPRONAGA, en Oleiros, e que ao longo de 4 sesións permitirá a un grupo de 14 usuarios e usuarias da entidade a reflexionar e aprender a resolver pacificamente os conflitos que poidan xurdir no seu día a día.

Este obradoiro está  impulsado por FADEMGA e que seleccionou a ASPRONAGA como entidade para desenvolver este obradoiro durante un total de 12 horas ao longo destas 2 semanas.

O obradoiro pretende que os usuarios e usuarias da entidade aprendan a entender o que é un conflito, aprender habilidades moi necesarias para o afrontamento positivo dos mesmos e identificar estratexias útiles para xerar alternativas que permitan resolver satisfactoriamente o conflito para ambas partes.

O obradoiro ten unha compoñente moi práctica, e a través de dramatizacións e estudo de casos, abordar dun xeito práctico e vivencial como resolver conflitos que lles tocan na súa realidade cotiá.