Category Archives: ADICCIÓNS

Menores e tecnoloxías: o gran reto das familias

O pasado mércores tivo lugar na casa das asociacións dentro das “Xornadas de prevención das tecnoadiccións nas nosas crianzas”, unha sesión formativa con Anabel Mosquera, pedagoga e formadora de Gestión Plus, que baixo o título “Menores e tecnoloxías: O gran reto da familias” abordou unha análise moi interesante polas situacións de risco que pode haber asociadas ao uso dos diferentes dispositivos, por parte das nosas crianzas,  ao tempo que realizou un percorrido pola situación que nos estamos atopando segundo a idade dos nosos fillos e fillas e a súa relación coas tecnoloxías.

Na segunda parte da sesión, Anabel desgranou a visión preventiva dende o sistema OCLA (Observar, Controlar, Limitar, Acompañar) e que as familias deben de tentar aplicar para desenvolver o proceso educativo en torno ao universo das tecnoloxías coas nosas crianzas.

Á sesión asistiron moitas familias que amosaron unha actitude moi participativa e plantexaron mútiples cuestións a Anabel Mosquera, o que fixo que a sesión fose moi dinámica e interactiva.

Esta sesión forma parte das “Xornadas sobre a prevención das tecnoadiccións nas nosas crianzas”  que son impulsadas pola Concellaría de Mocidade do Concello de Santiago e coa coordinación técnica de Arelar Xestión Socioeducativa.

 

Un agasallo perigoso

“Un agasallo perigoso” é o título da peza de teatro foro creada polo alumnado de 1ºD do IES Rosalía de Castro de Santiago, para abordar a problemática do xogo de apostas e a relación dos videoxogos coas apostas, a través da vivencia de Raúl, un adolescente que pouco a pouco vai caendo nas redes da adicción ao xogo de apostas, primeiro mercando loot boxes en videoxogos, e logo adentrándose no mundo das apostas deportivas ate perder o control sobre a súa vida.

Onte a Concelleira de Mocidade do Concello de Santiago, María Rozas, asistiu a coñecer de primeira man o proxecto de Teatro foro que se impulsa nos diferentes institutos de Compostela e puido ver o enorme traballo do alumnado dentro deste proxecto que xorde das teorías do teatro do oprimido de Augusto Boal, e que permite as aprendizaxes de competencias dun xeito moi vivencial e transformador da realidade do personaxe oprimido.

Arelar encárgase da coordinación técnica deste proxecto.

O Concello de Santiago impulsa un programa de prevención da adicción ás pantallas

Onte ven de presentarse o programa de prevención da adicción ás pantallas impulsado pola Concellaría de Xuventude do Concello de Santiago e no que Arelar desenvolverá a coordinación técnica do mesmo.

O obxectivo é responder a unha demanda e unha preocupación crecente na comunidade educativa, tanto entre as familias como entre o profesorado e o propio alumnado, a través duns obradoiros que pretenden poñer o foco nas prácticas cotiás do alumnado na súa relación cos diferentes dispositivos e no acceso a internet, para que a partir dunha reflexión crítica o alumnado sexa capaz de adqirir pautas para un uso responsable e saudable das diferentes pantallas e dispositivos.

En último término, o alumnado poderá identificar estratexias e pautas para a autoregulación e o autocontrol no uso de pantallas.

A intervención desenvolverase en 5º e 6º de educación primaria e en 1º e 2º da ESO, coa intención de establecer contidos adaptados a cada nivel educativo. No caso da educación secundaria, terá especial importancia a análise de problemas de convivencia nas contornas dixitais (chatas de mensaxería, redes sociais…) e que poden derivar en situacións de ciberacoso, e nas que se analizará o rol que debe de xogar cada quen, para a protección da vítima e a promoción dunha convivencia satisfactoria.

Os obradoiros desenvolveranse ao longo deste terceiro trimestre e serán impartidos por Arelar.