Archives

Contruimos en igualdade dende a práctica escénica

esta semana ven de rematar o proxecto de educación en igualdade dende a dramatización que Arelar leva desenvolvido no CEIP de Agolada ao longo deste mes de abril e no que participa todo o alumnado de educación primaria do centro.

O proxecto desenvolveuse dende o traballo con 3 grupos de alumnado para abordar a temática da iguladade de xénero, facilitando que o alumnado identificara na súa realidade cotiá situacións de discriminación de xénero.

Este proceso de reflexión grupal inicial permitiu ao alumnado construir situacións vencelladas a realidades cotiáns no patio, situacións referidas aos xoguetes que empregamos ou ao asentamento de diversos estereotipos de xénero que están anclados nunha parte da nosa sociedade e que a través do traballo dende as dramatizacións permitiron ao alumnado deconstruílos e rachar con eles.

Este traballo facilitou que o alumnado puidera identificar comportamentos discriminatoros, establecer solucións concretas, transformando as situacións discriminatorias e promovendo espazos de igualdade entre nenos e nenas , mulleres e homes, ou identificando unha verdadeira corresponsabilidade nas tarefas do fogar.

Ademais houbo unha parte dos contidos específicos adaptados ás idades do alumnado. Deste xeito, co grupo de 1º e 2º de educación primaria traballouse o universo dos contos tradicionais, cheos de estereotipos de xénero, creando contos alternativos dende unha ollada igualitaria.

No caso do alumnado de 3º e 4º e o alumnado de 5º e 6º de educación primaria analizáronse situacións cotiáns da realidade do alumnado (ex. os xogos que desenvolven no patio), para impulsar medidas concretas para transformar eses espazos en lugares construídos en igualdade, modificando algúns comportamentos que podían estar marcados polos prexuízos e os estereotipos de xénero, sendo agora máis inclusivos e integradores.

En definitiva, o alumnado participou dende a motivación e o interese por construir unha realidade máis igualitaria e xusta, promovendo escenarios de igualdade.

Un agasallo perigoso

“Un agasallo perigoso” é o título da peza de teatro foro creada polo alumnado de 1ºD do IES Rosalía de Castro de Santiago, para abordar a problemática do xogo de apostas e a relación dos videoxogos coas apostas, a través da vivencia de Raúl, un adolescente que pouco a pouco vai caendo nas redes da adicción ao xogo de apostas, primeiro mercando loot boxes en videoxogos, e logo adentrándose no mundo das apostas deportivas ate perder o control sobre a súa vida.

Onte a Concelleira de Mocidade do Concello de Santiago, María Rozas, asistiu a coñecer de primeira man o proxecto de Teatro foro que se impulsa nos diferentes institutos de Compostela e puido ver o enorme traballo do alumnado dentro deste proxecto que xorde das teorías do teatro do oprimido de Augusto Boal, e que permite as aprendizaxes de competencias dun xeito moi vivencial e transformador da realidade do personaxe oprimido.

Arelar encárgase da coordinación técnica deste proxecto.

O método “todos e todas gañan” funciona!

Ao longo desta semana Arelar desenvolveu no IES As Insuas un obradorio de resolución de conflitos co alumnado de 1º, 2º e 4º da ESO.

Nos obradoiros, o alumnado puido traballar ao redor das diferentes estratexias de afrontamento do conflito, identificando as vantaxes de empregar o método “Todos e todas gañan” na que as partes en conflito deben de buscar alternativas de solución que beneficien a ambas partes.

O alumnado puido ademais, partindo do conflito como un desacordo ou choque de intereses, practicar e traballar sobre as habilidades sociais e de xeito práctico exercitar a súa posta en práctica, identificando os aspectos máis salientable e de mellora que suscitou cada exercicio.

O proxecto formativo co alumnado completouse cunha sesión formativa para as familias, na que se abrodaron especialmente os conflitos derivados do uso da tecnoloxía e o establecemento de normas e límites.

Tanto o alumnado como as familias participaron moi activamente dos obradoiros e sesións formativas xerando un clima de traballo moi fructífero.