Category Archives: TEATRO SOCIAL

O teatro foro como ferramenta transformadora

Ven de iniciarse no CIFP Fontecarmoa o proxecto de teatro foro para a abordaxe de problemáticas socioeducativas nos centros de educación secundaria de Vilagarcía de Arousa. O Proxecto pretende que o alumnado aborde e reflexione sobre problemáticas como o racismo, o acoso escolar ou as drogodependencias a través desta metodoloxía escénica transformadora, que permite que o alumnado desenvolva as competencias socioemocionais necesarias para afrontar as diferentes problemáticas definidas en cada peza de teatro foro.

Outra das fortalezas do proxecto reside en que o alumnado está a implicarse na creación dun recurso didáctico de gran potencialidade para a sensibilización do alumnado ao redor dos seus propios centros de interese e inquedanzas, de forma que empodera ao alumnado no proceso creativo e escénico como axentes de convivencia.

En definitiva, o teatro foro, que é a técnica de dramatizacion máis coñecida do teatro do oprimido de Augusto Boal, permite abordar situacións de opresión e transformalas en situacións de convivencia, dende o rol activo do alumnado como espect-actores e espect-actrices.

O proxecto é impulsado pola Concellaría de Benestar do Concello de Vilagarcía de Arousa e coordinado por Arelar que se encarga de todo o proceso organizativo e a execución técnica do mesmo.

O afrontamento das opresións dende o teatro foro

Arelar está a traballar  nos institutos de Compostela, nun proxecto de intervención socioeducativa ao redor do teatro foro como ferramenta para a abordaxe educativa de diversas problemáticas que afectan dun ou doutro xeito á mocidade. A Concellaría de Mocidade do Concello de Santiago,  é a impulsora do proxecto e no que participan na actualidade 4 institutos de Compostela (IES As Fontiñas, IES Rosalía de Castro, IES Sar e IES Pontepedriña). O proxecto vai dirixido tanto a alumnado de educación secundaria como de FP Básica, e está a permitir abordar problemáticas tan diversas como as drogodependencias, a saúde mental, o consumismo, a adicción ás pantallas e aos xogos de azar e apostas ou o acoso escolar.

O proxecto ten unha compoñente claramente participativa por parte do alumnado, xa que  é o que deseña coa axuda dos e das educadoras sociais, os contextos e as realidades opresoras, sobre as que o alumnado debe de traballar, reflexionar para finalmente transformar.

Este proceso de participación e implicación permite que o alumnado se mergulle na realidade elixida e permite multiplicar o proceso vivencial e educativo ao redor de cada unha das problemáticas sobre as que se traballa no proxecto.

En definitiva, o alumnado traballa ao redor dun proxecto transformador que serve de recurso educativo para a  sensibilización e formación do alumnado para afrontar moitas destas realidades que afectan dun ou doutro xeito ao alumnado Compostelá.

 

“Non necesito un príncipe”

“Non necesito un principe” é o título da peza de teatro foro que está a preparar o alumnado de 2º de ESO do CPI de Zas dende o mes de xaneiro e que aborda o problema das condutas homófobas  a través dunha peza creada polo alumnado e que está agora na última fase de ensaio para poder representar ante outros compañeiros e compañeiras do seu centro educativo.

O alumnado de 2º de ESO está a desenvolver un extrarordinario traballo tanto na fase creativa como na fase de ensaio, na que o alumnado está a asumir diferentes roles moito máis alá da tarefa interpretativa.

Ler máis…