Arelar está a traballar nos institutos de Compostela, nun proxecto de intervención socioeducativa ao redor do teatro foro como ferramenta para a abordaxe educativa de diversas problemáticas que afectan dun ou doutro xeito á mocidade. A Concellaría de Mocidade do Concello de Santiago, é a impulsora do proxecto e no que participan na actualidade 4 institutos de Compostela (IES As Fontiñas, IES Rosalía de Castro, IES Sar e IES Pontepedriña). O proxecto vai dirixido tanto a alumnado de educación secundaria como de FP Básica, e está a permitir abordar problemáticas tan diversas como as drogodependencias, a saúde mental, o consumismo, a adicción ás pantallas e aos xogos de azar e apostas ou o acoso escolar.
O proxecto ten unha compoñente claramente participativa por parte do alumnado, xa que é o que deseña coa axuda dos e das educadoras sociais, os contextos e as realidades opresoras, sobre as que o alumnado debe de traballar, reflexionar para finalmente transformar.
Este proceso de participación e implicación permite que o alumnado se mergulle na realidade elixida e permite multiplicar o proceso vivencial e educativo ao redor de cada unha das problemáticas sobre as que se traballa no proxecto.
En definitiva, o alumnado traballa ao redor dun proxecto transformador que serve de recurso educativo para a sensibilización e formación do alumnado para afrontar moitas destas realidades que afectan dun ou doutro xeito ao alumnado Compostelá.