Archives

A educación emocional a través da radio

Dende o pasado 6 de setembro un grupo de mozos e mozas de Vilagarcía participou no obradoiro EMOTIRADIO. Dentro deste obradoiro a mocidade participante crea diferentes pezas en formato podcast baixo o nome “Vilagarcía sen prexuízos” que pretende ser un espazo radiofónico xuvenil onde a mocidade fai escoitar a súa voz e aborda diversos temas facendo especial fincapé na vertente emocional dos mesmos.

No obradoiro creáronse dúas pezas. A primeira delas consistíu nunha entrevista a fondo co actor Vilagarcián David Seijo e a segunda cun programa con contidos oidiversos pero sempre cunha clara perspectiva emocional,  abordando os impactos emocionais da pandemia, cunha seccion de relatos curtos onde as emocións xogan un papel esencial, ou coa creación dun emocionario.

En definitiva, a radio constituíu unha ferramenta de gran valor para que as mozas e mozos participantes puideran facer un percorrido emocional dende diferentes olladas.

O Emotiradio é unha actividade promovida polo Concello de Vilagarcía, coordinada por Arelar e Laboratorio de Radio e que forma parte dun programa de educación emocional para a adolescencia onde se desenvolven diversas actuacións.

 

                                                            A entrevista con David Seijo

O “EMOTIRADIO” como ferramenta para a expresión emocional

Ven de presentarse ante os medios o obradoiro “Emotiradio”, unha actividade dirixida a mozas e mozos de 12 a 16 anos, que está concebida como un recurso educativo que emprega o medio radiofónico para facilitar a expresión emocional da mocidade, e que permita expresar inquedanzas, desexos ou opinións en torno as súas vivencias, moi marcadas pola pandemia ao longo deste ano e medio.

O “Emotiradio” é unha actividade que está promovida pola Concellaría de Xuventude e pola Concellaría de Servizos Sociais do Concello de Vilagarcía de Arousa, e pretende ofrecer unha actividade de ocio, ao tempo que ofrece un recurso para a educación emocional dos mozos e mozas de Vilagarcía, permitindo crear un programa radiofónico no formato podcast, ao tempo que desenvolven unha aprendizaxe emocional partindo dos seus propios centros de interese.

Ler máis…

Teatro foro: Unha ferramenta para abordar os impactos emocionais derivados da COVID-19

O proxecto de teatro foro para a educación en valores, que impulsa dende fai varios anos o departamento de mocidade do Concello de Santiago de Compostela, nesta nova edición traballará ao redor da abordaxe dos impactos emocionais que na comunidade educativa está a deixar a pandemia da COVID-19,  a través da creación de pezas teatrais que reflictan diversas vivencias e impactos de carácter emocional derivado de tódolos cambios que está a supoñer a tódolos niveis (educativo, familiar e social) esta nova realidade.

Dete xeito as pezas abordaran situacións derivadas desta nova realidade que supoñen unha dificultade ou opresión para o alumnado dende a perspectiva emocional.

Para o desenvolvemento do proxecto estableceranse diversas fases: diagnose, creación das pezas e realización das sesións de teatro foro que terán lugar no que queda de curso 2021-21 e no inicio do vindeiro curso 2021-22.

O obxectivo final do proxecto coordinado na parte técnica por Arelar pretende dotar ao alumnado das ferramentas necesarias para mellorar as súas competencias emocionais:  expresion emocional, conciencia emocional, regulación emocional e competencias sociais.