Archives

Empatizas?

Esta semana deu comezo o programa Empatiza, promovido pola Concellaría de Benestar Social do Concello de Vilagarcía de Arousa, e que pretende promover no alumnado de 5º de educación primaria, estratexias para a resolución pacífica de conflitos.

O programa pretende que o alumnado identifique o que é un conflito, as estratexias de afrontamento e poder aprender as habilidades concretas que nos permiten resolver satisfactoriamente os conflitos.

O proxecto vai dirixido a tódolos centros de educación primaria de Vilagarcía, sendo o CEIP Rosalía de Castro o primeiro en participar no mesmo.

O programa consta de 2 sesións de traballo de 2 horas con cada grupo, e prevese a participación de 450 al. aproximadamente no programa.

Arelar desenvolve a coordinación técnica do programa.

 

O IES As Insuas traballa ao redor da resolución pacífica de conflitos

Ven de iniciarse no IES AS Insuas un obradoiro de habilidades sociais e resolución pacífica de conflitos co alumnado de 2º de ESO do instituto, e que pretende ao longo dos vindeiros meses que o alumnado afonde na estrutura e percepción dos conflitos como paso previo para mellorar a convivencia no noso día a día.

Ao longo do obradoiro, o alumnado formarase en torno ás habilidades socioemocionais e as estratexias efectivas para unha solución positiva dos conflitos para as partes implicadas no mesmo, partindo do método “todos gañan”.

O obradoiro será eminentemente práctico e dirixido a desenvolver dun xeito vivencial os contidos e as competencias abordadas ao longo da formación.

Arelar impulsa o deseño e execución técnica do obradoiro que terá lugar no IES As Insuas de Muros ate o 1 de febreiro.

A resolución de conflitos a través do proxecto “Empatiza”

A pasada semana deu comezo o proxecto “Empatiza” dirixido a formación do alumnado de educacion primaria do Concello de Vilagarcía de Arousa á xestión pacífica de conflitos na súa vida diaria.

O proxecto “Empatiza” consta dunha serie de sesións formativas para o alumnado de 5º de educación primaria, coa intención de adquirir ferramentas e destrezas para xestionar satisfactoriamente os conflitos que lle xorden a mozos e mozas na súa realidade cotiá, no ámbito escolar, social e familiar.

Os obradoiros formativos teñen un carácter eminentemente práctico, coa intención de partir de situacións percibidas polo alumnado como conflitivas, e que son o xerme de recreacións prácticas para integrar as habilidades e competencias traballadas ao longo do obradoiro.

O proxecto “Empatiza” é coordinado por Arelar, constituíndo unha ferramenta de apoio moi ben valorada polos centros ao longo destes 3 anos de implantación.

A concellería de Benestar social é a promotora deste proxecto coa colaboración da Deputación de Pontevedra.