A resolución de conflitos a través do proxecto “Empatiza”

A pasada semana deu comezo o proxecto “Empatiza” dirixido a formación do alumnado de educacion primaria do Concello de Vilagarcía de Arousa á xestión pacífica de conflitos na súa vida diaria.

O proxecto “Empatiza” consta dunha serie de sesións formativas para o alumnado de 5º de educación primaria, coa intención de adquirir ferramentas e destrezas para xestionar satisfactoriamente os conflitos que lle xorden a mozos e mozas na súa realidade cotiá, no ámbito escolar, social e familiar.

Os obradoiros formativos teñen un carácter eminentemente práctico, coa intención de partir de situacións percibidas polo alumnado como conflitivas, e que son o xerme de recreacións prácticas para integrar as habilidades e competencias traballadas ao longo do obradoiro.

O proxecto “Empatiza” é coordinado por Arelar, constituíndo unha ferramenta de apoio moi ben valorada polos centros ao longo destes 3 anos de implantación.

A concellería de Benestar social é a promotora deste proxecto coa colaboración da Deputación de Pontevedra.