Category Archives: EDUCACIÓN EMOCIONAL

Obradoiros EMOTIPEDIA

Ao longo destas semanas estanse desenvolvendo nos institutos de Vilagarcía de Arousa os obradoiros EMOTIPEDIA, dirixidos a traballar a educación emocional do alumnado en diferentes areas segundo o curso do alumnado.

Deste xeito, os obradoiros EMOTIPEDIA xeran un “itinerario” onde o alumnado traballa dende unha perspectiva emocional diferentes áreas de contidos: A conciencia emocional, as habilidades socioemocionais básicas e a expresión emocional e regulación emocional.

Os obradoiros están sendo acollidos con moito interese polos centros como un recurso complementario ao traballo educativo no eido da emocións que impulsa o profesorado en cada aula.

Ler máis…

Comezan as sesións de teatro foro nos institutos de Compostela

Esta semana deu comezo no Xelmirez II, as primeiras sesións de teatro foro, referidas ao proxecto de educación emocional que emprega esta metodoloxía escénica como instrumento para traballar e abordar a xestión emocional e a expresión das nosas emocións, a partires dunha peza de teatro foro que tenta retratar a realidade que viviu a adolescencia ao longo desta pandemia.

Ao longo deste trimestre desenvolveranse diferentes representacións da peza “Escoita” que se converte nunha ferramenta para a educación emocional do alumnado, e que parte da diagnose feita ao final do curso pasado, sobre as vivencias do alumnado neste periodo de pandemia.

A educación emocional a través da radio

Dende o pasado 6 de setembro un grupo de mozos e mozas de Vilagarcía participou no obradoiro EMOTIRADIO. Dentro deste obradoiro a mocidade participante crea diferentes pezas en formato podcast baixo o nome “Vilagarcía sen prexuízos” que pretende ser un espazo radiofónico xuvenil onde a mocidade fai escoitar a súa voz e aborda diversos temas facendo especial fincapé na vertente emocional dos mesmos.

No obradoiro creáronse dúas pezas. A primeira delas consistíu nunha entrevista a fondo co actor Vilagarcián David Seijo e a segunda cun programa con contidos oidiversos pero sempre cunha clara perspectiva emocional,  abordando os impactos emocionais da pandemia, cunha seccion de relatos curtos onde as emocións xogan un papel esencial, ou coa creación dun emocionario.

En definitiva, a radio constituíu unha ferramenta de gran valor para que as mozas e mozos participantes puideran facer un percorrido emocional dende diferentes olladas.

O Emotiradio é unha actividade promovida polo Concello de Vilagarcía, coordinada por Arelar e Laboratorio de Radio e que forma parte dun programa de educación emocional para a adolescencia onde se desenvolven diversas actuacións.

 

                                                            A entrevista con David Seijo