O teatro comunitario brila en Boqueixón

Nesta fin de semana ven de estrear o Club de Maiores de Boqueixón a peza “Un morto moi vivo”, unha comedia que aborda as peripecias dun home avarento que simula a súa morte para emprender unha nova vida noutros lares.

A peza tivo unha exrtaordinaria acollida por parte da veciñanza de Boqueixón que arropou ao grupo de teatro ao longo de toda a obra, creando unha atmósfera moi acolledora.

Esta experiencia amosa o potencial do teatro comunitario, feito por veciños e veciñas para a súa comunidade, xerando un espectáculo cultural co que se identifica toda a comunidade.

Pero ademais, o teatro dende esta experiencia impulsada polo Club de Maiores de Boqueixón permite observar a potencialidade do teatro como actividade de envellecemento activo das persoas maiores, mantendo unha actividade extraordinaria a nivel psicoloxico, físico e emocional que reporta múltiples beneficios para as persoas maiores.

A obra contou coa participacion de 18 actores e actrices que fixeron as delicias do público, o cal poderá voltar a desfrutar desta peza na apertura do ciclo de teatro do concello de Boqueixón no mes de novembro.

Arelar desenvolve o traballo técnico deste proxecto coa dirección do grupo e a creación e adaptación dos textos para adecualo ás necesidades socioeducativas de cada persoa integrante do grupo.