Archives

Un laboratorio nas ondas

A concellaría de Políticas sociais, diversidade e saúde do Concello de Santiago promove este proxecto piloto, coa coordinación técnica de Arelar, no que se está a traballar no deseño dunha radio comunitaria no barrio de conxo, e que  conta coa colaboración da Cadena Ser na súa parte técnica.

Nesta primeira fase, o proxecto pretende ser un laboratorio de radio para achegar ao colectivo infanto-xuvenil do barrio de Conxo, a radio  como instrumento para expresar os seus intereses e inquedanzas vinculadas ao seu barrio, ao tempo que desenvolven múltiples competencias no proceso de creación dun programa radiofónico.

Tras esta primeira fase, efectuarase unha avaliación para determinar unha estrutura comunitaria na que diversas entidades do barrio teñan cabida neste proxecto educativo.

Construíndo un voluntariado activo

Ao longo desta semana arelar ven de coordinar unha serie de obradoiros de formación ao redor do voluntariado, que teñen como obxecto a dinamización do Plan de Acción Social do Colexio La Salle e na que o alumnado de bacharelato do centro vai a ter un papel protagonista, con diversas actuación vinculadas a varias entidades de acción social do entorno do centro.

O alumnado tivo unha resposta moi activa ao longo dos obradoiros, que continuarán o vindeiro 17 e 18 de novembro cunhas sesións extraescolares que servirán para perfilar o traballo para o resto do curso escolar no marco do Plan de Acción Social do centro.

O tecido asociativo xerme da participación da mocidade en Teo

 

No marco do Proxecto de Participación Social da mocidade da Teo que coordina arelar, estanse a realizar unha serie de visitas as entidades sociais do concello, de cara a coñecer a dinámica de participación da mocidade, cales son as actividades nas que participan maioritariamente, e que procesos se empregan dende as asociacións nesa dinamización.

Neste achegamento ao tecido asociativo,  teñen especial relevancia as asociacións de cárácter cultural, en particular as vencelladas a cultura tradicional, as asociacións de carácter deportivo,  e as entidades sociais cunha compoñente dinamizadora no seu territorio.

Así mesmo, podemos constatar o enorme papel vertebrador que teñen no concello de Teo as entidades sociais para a dinamización social e cultural en cada unha das parroquias.

O proxecto entra así na segunda fase de execución, no marco deste estudo preliminar para impulsar procesos de participación social na mocidade do concello de Teo.