Archives

En ASPANANE aprendemos a entender e resolver conflitos de forma respectuosa

Ao longo de 3 sesións un grupo de usuarios e usuarias de da asociación ASPANANE (Viveiro) participou activamente nun curso de resolución pacífica de conflitos, dirixido a aprender a entender porque suceden os conflitos e formarse en diferentes ferramentas e estratexias para afrontar diferentes situacións conflitivas achegadas a súa realidade cotiá.

O alumnado participante puido integrar a través dunha metodoloxía eminentemente práctica, unha serie de estratexias para aprender a facer críticas de xeito construtivo, comunicarnos asertivamente ou aprender a ser positivo e recompensante coas persoas que nos rodean.

Para xerar estas aprendizaxes  os usuarios e usuarias de ASPANANE desenvolveron diversas dramatizacións que permitiron aprender vivencialmente e a través da observación e análise compartido de cada un dos exercicios realizados.

O grupo amosou unha gran motivación polo curso, valorando moi positivamente todo o proceso formativo  que foi dinamizado e impartido por Arelar  a través dunha formación que FADEMGA ofrece ás entidades que conforman a federación.

 

Aprendemos a resolver conflitos pacificamente!

Arelar desenvolve ao longo deste mes de febreiro unha serie de sesións formativas co alumnado de 6º de educación primaria do CPI de Zas, para a realización dun obradoiro de resolución pacífica de conflitos, encamiñado a que o alumnado adquira unha comprensión axeitada do conflito e sexa capaz de aprender estratexias e habilidades socioemocionais para unha resolución satisfactoria para tódalas partes.

A metodoloxía empregada é participativa e activa e parte da percepción que o alumnado de 6º ten do conflito, e de construir situacións de aprendizaxe partindo da ollada do alumnado.

Deste xeito se constrúen situacións de aprendizaxe máis próximas e axeitadas ás necesidades do grupo.

As técnicas de traballo escénico cobran neste obradoiro unha especial relevancia para que a aprendizaxe sexa máis vivencial e permita que o alumnado interactúe dende a adquisición de habilidades sociais de gran interese para a resolución de conflitos.

O alumnado está amosando un gran interese no obradoiro cun gran nivel de participación, e que dará remate o vindeiro 29 de febreiro.

Alumnado do IES Virxe do Mar comprometido para facer fronte ao acoso escolar

Neste último mes o alumnado de 1º de ESO do IES Virxe do Mar de Noia leva desenvolvendo un obradoiro de prevención do acoso escolar, dirixido a fomentar unha convivencia satisfactoria no ámbito escolar, e a sensibilizar sobre unha problemática que interpela directamente a todo o alumnado da comunidade educativa, xa que é responsabilidade da mesma, fomentar unha boa convivencia.

O obradoiro foi eminentemente práctico, abordando o fenómeno do acoso escolar dende a ollada dos seus diferentes protagonistas,e poñendo especial fincapé nos e nas observadoras das situacións de bullying, como un dos mecanismos esenciais para a prevención.

Ademais o alumnado construiu casos prácticos versados na súa percepción e posibles experiencias, sobre os cales se artellaron mecanismos e pautas de actuación dende tódalas ópticas posibles, e que tiveron que levar á practica de xeito vivencial no obradoiro.

Ler máis….