Visualizando o voluntariado interxeracional dende outra ollada

Dende o pasado 16 de decembro está tendo lugar en Ferrol un curso de “voluntariado interxeracional” que pretende poñer o foco na potencialidade de crear contextos interxeracionais na acción voluntaria, as sinerxias positivas que xenera, e o empoderamento mútuo que suscita a tódalas persoas que o protagonizan.

O curso ademais, aborda a realización do voluntariado interxeracional, dende unha perspectiva de xénero, que promova a igualdade, analice os roles de homes e mulleres na acción voluntaria, e dende a aplicación de metodoloxías inovadoras.

O elemento diferenciador deste curso en relación a outros realizados por outros puntos da xeografía galega con esta temática, reside en que a inmensa maioría do alumnado participante ten vencello directo coa entidade ASCM que traballa a prol do desenvolvemento integral das persoas con diversidade funcional, e que tenta loitar contra as barreiras físicas, arquitectónicas  e mentais que existen na sociedade en torno a este colectivo.

Esta circunstancia permite que o curso transversalice o interxeracional tamén coa diversidade funcional,  reinvindicando que “persoas con capacidades” traballen dende a interxeracionalidade e desenvolvan un voluntariado maís diverso e enriquecedor.

O curso é promovido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e é impartido por Arelar.