“Voluntariado Miúdo”: Un espazo para compartir experiencias solidarias

Ven de celebrarse o Encontro de alumnado de educación primaria participante no programa “Voluntariado Miúdo” e no que se xuntaron 170 alumnos e alumnas no Albergue Xuvenil da Marina Española (Bergondo) para compartir experiencias e proxectos solidarios que impulsan os diferentes centros nos seus contextos.

O Encontro permitíu dun xeito lúdico e dinámico compartir proxectos, actividades e intereses conectados aos proxectos de voluntariado que impulsa cada centro educativo, de forma que diferentes ámbitos de traballo foron compartidos ao longo da xornada. Deste xeito, a interculturalidade e os procesos migratorios, a diversidade funcional, o medioambiente ou as persoas maiores foron os eixos que definiron os diferentes proxectos compartidos.

O programa “Voluntariado Miúdo” é impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e de feito o alumnado tivo a oportunidade de compartir a xornada xunto a Conselleira de Política Social e Xuventude Fabiola García, que puido comprobar de primeira man as diferentes propostas presentadas polo alumnado como protagonistas dos seus proxectos.

Os 7 centros participantes (CEIP Os Casais -Fene-, CEIP San Marcos -Abegondo-, CEIP Isidro Parga Pondal -Oleiros-, CEIP Alborada -A Coruña-, CEIP de Muimenta -Cospeito-, CPI Tino grandío – Guntín- e CPR Ntra. Sra. Del Rosario -Arzúa-) desfrutaron dunha xornada chea de emoción, diversión e aprendizaxes que reforzan o seu traballo ao longo de todo o curso e de cara a dar continuidade a cada un dos proxectos impulsados.

Arelar desenvolveu a coordinación técnica de todo o proxecto, tanto na fase de seguimento dos proxectos realizados ao longo de todo o ano, como no deseño e dinamización do encontro realizado no Albergue como peche ao programa.