A Adicción ao xogo a debate nos institutos de Vilagarcía de Arousa

Ven de desenvolverse ao longo das pasadas semanas unha serie de obradoiros de “Prevención da adicción ao xogo de apostas”  co alumnado de 4º de ESO dos diferentes institutos de Vilagarcía de Arousa, e que serviron como ferramenta preventiva para identificar os factores de risco e de protección que hai asociados a esta problemática na adolescencia.

Os datos amosan que a mocidade  é cada vez máis vulnerable aos riscos relacionados co xogo e as apostas, o que implica unha necesidade de formar e sensibilizar aos mozos e mozas sobre os riscos das prácticas conectadas coas apostas.

A resposta do alumnado e dos centros ante os obradoiros foi extraordinaria cunha gran receptividade e valorando moi positivamente os contidos abordados e cun alto nivel de participación ao longo dos obradoiros impartidos polos educadores e educadoras sociais de arelar.

O proxecto é promovido pola Concellaría de Benestar Social do Concello de Vilagarcía de Arousa e cofinanciado pola Deputación de Pontevedra.