Archives

Remata o proxecto EMPATIZA nos diferentes centros de educación primaria de Vilagarcía

Ven de rematar o desenvolvemento do proxecto EMPATIZA para a resolución pacífica de conflitos dirixido a alumnado de 5º e 6º de educación primaria, e que permitiu que a través de metodoloxías participativas e vivenciais mellorar a comprensión do conflito e identificar estratexias de afrontamento baseadas no respecto e a empatía.

O alumnado puido aprender a analizar situacións conflitivas da súa realidade cotiá, establecer estratexias de afrontamento basadas no “todos/as gañan” e vivencialas en primeira persoa con técnicas de dramatización ou establecendo acordos sobre determinados conflitos que axudaron a mellorar ou encauzar conflitos que xeneraban dificultades de relación ou insatisfacción no alumnado.

O proxecto foi moi ben acollido tanto polo alumnado como polo profesorado, dando resposta a unha necesidade moi latente nos centros educativos, para tentar adquirir estratexias de mellora da convivencia e dun afrontamento axeitado dos conflitos dende esquemas de colaboración e/ou negociación.

 

Aprendendo a afrontar positivamente os conflitos

Hoxe deu comezo o obradoiro de resolución pacífica de conflitos que Arelar está a impartir en ASPRONAGA, en Oleiros, e que ao longo de 4 sesións permitirá a un grupo de 14 usuarios e usuarias da entidade a reflexionar e aprender a resolver pacificamente os conflitos que poidan xurdir no seu día a día.

Este obradoiro está  impulsado por FADEMGA e que seleccionou a ASPRONAGA como entidade para desenvolver este obradoiro durante un total de 12 horas ao longo destas 2 semanas.

O obradoiro pretende que os usuarios e usuarias da entidade aprendan a entender o que é un conflito, aprender habilidades moi necesarias para o afrontamento positivo dos mesmos e identificar estratexias útiles para xerar alternativas que permitan resolver satisfactoriamente o conflito para ambas partes.

O obradoiro ten unha compoñente moi práctica, e a través de dramatizacións e estudo de casos, abordar dun xeito práctico e vivencial como resolver conflitos que lles tocan na súa realidade cotiá.

 

 

Mellorando as habilidades de comunicación no marco do “Aténdeme-Enténdeme”

O pasado venres tivo lugar unha sesión formativa para as persoas integrantes do programa “Aténdeme- enténdeme”, e que pretendeu mellorar as súas competencias comunicativas de cara a preparar as presentacións dirixidas ao persoal sanitario dos centros de saúde. Estas exposicións teñen como obxectivo mellorar a esfera comunicativa do persoal sanitario á hora de atender a doentes con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, identificando problemáticas que acontecen e achegando outros modos de actuación que sexan máis satisfactorios.

Na sesión formativa participaron 8 equipos de outras tantas entidades (conformados por usuarios e usuarias, familiares e persoal técnica de cada entidade) que participan do “Aténdeme-enténdeme” e que amosaron moito interese nos diferentes contidos abordados ao longo da sesión formativa, incidindo sobre todo na autodiagnose de cada equipo en canto as súas competencias comunicativas, e o afrontamento práctico de mensaxes concretas a trasladar ao persoal sanitario de cada centro de saúde.

Esta sesión formativa terá continuidade unha vez as diferentes equipas do “Aténdeme-enténdeme” teñan avanzado na preparación das súas exposicións.