Os rapaces e rapazas de Arzúa están a desenvolver ao longo desta semana a través do proxecto “Emotiradio” un programa radiofónico onde a educación emocional e a posta en valor das xentes de Arzúa son o eixo central.
O proceso de traballo está dando como resultado a creación do programa “Que onda!!” no que a aprendizaxe emocional nestes tempos tan convulsos derivados da COVID-19 resulta esencial para a adaptación a esta nova realidade que estamos a vivir.
O programa está a crear contidos moi variados como entrevistas a persoal sanitario de Arzúa, reportaxes sobre o movemento asociativo da vila ou expereriencias nas que xente de fóra de Galicia pousou a súa ollada no rural para emprender un proxecto de vida apegado á terra.
Os contos de compoñente emocional e recomendacións de libros para unha aprendizaxe das emocións en familia son algúns dos contidos máis relevantes.
A creación dun programa radiofónico por parte das crianzas ten múltiples beneficios no desenvolvemento de competencias cívicas, lingüísticas e socioemocionais.
O resultado final do proxecto será un podcast que ademais será emitido en Radio Arzúa.
O vindeiro 8 de setembro terá lugar a gravación do programa o cal significará unha experiencia moi estimulante para as rapazas e rapaces implicados no proxecto, no que foron sempre os absolutos protagonistas.
O proxecto “Emotiradio” é promovido pola Concellería de Cultura do Concello de Arzúa e é desenvolvido na parte técnica por Arelar e Laboratorio de Radio.
No desenvolvemento do proxecto estanse a seguir un protocolo hixiénico-sanitario para a seguridade de tódalas persoas implicadas (toma de temperatura, uso de máscara, distancia física, uso de xel hidroalcólico, ventilación dos espazos, etc…)
Dinámica para xerar nome do programa e indicativos