Archives

A resolución de conflitos a través do proxecto “Empatiza”

A pasada semana deu comezo o proxecto “Empatiza” dirixido a formación do alumnado de educacion primaria do Concello de Vilagarcía de Arousa á xestión pacífica de conflitos na súa vida diaria.

O proxecto “Empatiza” consta dunha serie de sesións formativas para o alumnado de 5º de educación primaria, coa intención de adquirir ferramentas e destrezas para xestionar satisfactoriamente os conflitos que lle xorden a mozos e mozas na súa realidade cotiá, no ámbito escolar, social e familiar.

Os obradoiros formativos teñen un carácter eminentemente práctico, coa intención de partir de situacións percibidas polo alumnado como conflitivas, e que son o xerme de recreacións prácticas para integrar as habilidades e competencias traballadas ao longo do obradoiro.

O proxecto “Empatiza” é coordinado por Arelar, constituíndo unha ferramenta de apoio moi ben valorada polos centros ao longo destes 3 anos de implantación.

A concellería de Benestar social é a promotora deste proxecto coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

O teatro foro como ferramenta transformadora

Ao longo deste trimestre estívose desenvolvendo o proxecto de teatro foro nos centros educativos de educacion secundaria en Santiago de Compostela. Neste trimestre desenvolvéronse dúas pezas no IES Pontepedriña, e no IES de Sar, dirixidas a abordar a prevención das drogodependencias e o acoso escolar respectivamente.

A potencialidade deste proxecto reside na implicación do alumnado en todo o proceso creativo e interpretativo, xerando un recurso didáctico de gran potencialidade para chegar ao alumnado dos seus respectivos centros.

Ler máis…

O encontro de voluntariado miúdo permite compartir experiencias e proxectos

O pasado venres 3 de xuño os centros participantes no voluntariado miúdo participaron nun encontro que misturou a o contexto virtual co presencial, como paso previo ao tan desexado encontro presencial do alumnado para o vindeiro curso.

Ao longo do encontro sete centros educativos compartiron as súas experiencias e proxectos de voluntariado e solidaridade e que impulsaron ao longo do curso. O resultado final foron proxectos do máis diverso, e que permitiron abordar temáticas tan diversas como o voluntariado ambiental, o voluntariado interxeracional, a inclusión dos cans na aula para o traballo en valores, a diversidade funcional, ou iniciativas solidarias cos habitantes da Palma, entre outras.

Ao encontro asistiron a Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado Cristina Pichel, e a Xefa de Servizo de Voluntariado e Participación Pilar Martínez, para que puideran coñecer de primeira man as diferentes iniciativas do Voluntariado Miúdo.

Presencialmente acudiron á Cidade da Cultura no Salón Xosé Neira Vilas dous centros educativos (CEIP Isidro Parga Pondal e o CEIP San Tomé) para compartir “in situ” os seus proxectos.

Na segunda parte do encontro o alumnado efectuou propostas concretas para o desenvolvemento de vindeiros encontros xa nun formato presencial, e onde se achegaron innumerables ideas e propostas moi interesantes.