Teatro comunitario cheo de vitalidade en Boqueixón

Onte tivo lugar a estrea da obra “Urxencias”, unha adaptación da obra de Suso de Toro, e que representou o Clube de Maiores de Boqueixón, tras uns meses de traballo preparando esta peza coral con 26 actores e actrices, para compartir esta comedia cun auditorio totalmente ateigado.

O resultado final foi unha comedia disparatada na sala de urxencias dun hospital onde aparecían os personaxes máis disparatados que se puidera un imaxinar.

A representación desta peza é o resultado final, dun proceso de traballo dende unha perspectiva comunitaria, na que os maiores partindo do texto orixinario foron aportando e facendo súa a obra, achegando a súa visión da comedia, e construindo e perfilando os personaxes para finalmente representar a obra ante a súa veciñanza totalmente entregada, e recoñecendo o traballo realizado, contanto con algunha actriz de máis de 90 anos.

O éxito foi tal que se agotaron as 200 entradas, e programarase outra actuación desta peza para o vindeiro domingo 6 de maio, as 18 horas.

Arelar desenvolveu a coordinación técnica deste proxecto de teatro comunitario con persoas maiores do concello de Boqueixón, na que se puideron constatar os beneficios do traballo teatral, tanto dende unha perspectiva escénica, coma dende a perspectiva psico-social, o cal outorgalle un valor engadido ao proceso creativo e socioeducativo.