A educación en valores a través da radio comunitaria

A radio pode ser un elemento de gran interese para traballar a educación en valores dende unha perspectiva comunitaria. este é o obxectivo do proxecto de radio comunitaria que dende a concellería de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde do Concello de Santiago de Compostela se está a impulsar ao longo deste último trimestre do ano.

No proxecto participan varias entidades do barrio de Conxo ( Cruz Vermella, Centro Sociocultural de Conxo, Asociación Dignidade, IES Eduardo Pondal, Fundación Down Compostela e CEIP Quiroga Palacios), e que permiten dotar ao proxecto dun carácter diverso e enriquecedor, dende unha dobre perspectiva: a visión do barrio dende as diferentes entidades participantes, e os centros de interese de cada colectivo implicado na elaboración dos programas.

O resultado final son unha serie de programas de radio, que se poderán escoitar a través dos seus respectivos podcast, e que posibilitaría a produción de contidos radiofónicos xerados pola comunidade para a propia comunidade.

Para a creación dos diferentes programas de radio os grupos participantes (12 participantes por programa) deseñan ao longo de varias sesións os contidos que determinaran cada programa, e que dende diversos formatos (entrevistas, reportaxes, cuñas publicitarias, editorial, relatos, etc…) permitirán dar frescura e personalidade a cada programa. Deste xeito, a diversidade, a historia do barrio e as súas xentes, as inquedanzas xuvenís ou temas sociais de actualidade, serán algunhas das liñas temáticas que dan sentido ao proxecto e ao traballo en educación en valores.

A participación en todo o proceso creativo determinará o potencial educativo do proxecto, no que persoas moi diversas converxen para a creación dun programa radiofónico para o seu barrio.