A transformación social a través do teatro foro

Hoxe ven de iniciarse o proxecto de teatro foro para a educación en valores que por tercer ano consecutivo desenvolve un traballo moi intenso en diferentes institutos de secundaria de Santiago de Compostela, e que pretende achegar a profesorado e alumnado unha ferramenta para a educación en valores e propiciar a transformacion de determinadas realidades dende a implicación directa do alumnado.

Nesta edición son 5 os centros educativos que van a impulsar o proxecto dende as súas aulas: IES Rosalía de Castro, IES Xelmírez I, IES Xelmírez II, IES Pontepedriña e IES Sar.

Así mesmo, as temáticas que se abordarán dende os diferentes centros son moi variadas e reflicten o interese da comunidade educativa en torno a aspectos tan variados como a realidade LGTB, prevención de drogodependencias, o acoso escolar, racismo e xenofobia, violencia de xénero, etc…

 Cada centro prepara ao longo do curso diversas pezas teatrais abordando estas problemáticas, e logo serán representadas a outros grupos do seu centro e incluso nalgúns casos a alumnado doutros centros, os cales, asumen un rol activo, que dende o argot do teatro do oprimido de Augusto Boal se denomina, “espect-actores”. A súa función reside en transformar a realidade presentada, buscar solucións á situación que vive o personaxe principal, deste xeito vivencializan a situación coas súas propostas para afrontar as diversas escenas do teatro foro.

Deste xeito, actrices, actores e “espect-actores” conxuntamente achegan propostas que melloran a convivencia e poden establecer mecanismos e estratexias para afrontar diversas situacións derivadas de cada unha das problemáticas socioeducativas traballadas en cada peza teatral.

O proxecto está promovido pola Concellería de Educación, Mocidade Igualdade e Políticas Lingüísticas e a coordinación técnica corre a cargo de Arelar.