Alumnado do IES Virxe do Mar comprometido para facer fronte ao acoso escolar

Neste último mes o alumnado de 1º de ESO do IES Virxe do Mar de Noia leva desenvolvendo un obradoiro de prevención do acoso escolar, dirixido a fomentar unha convivencia satisfactoria no ámbito escolar, e a sensibilizar sobre unha problemática que interpela directamente a todo o alumnado da comunidade educativa, xa que é responsabilidade da mesma, fomentar unha boa convivencia.

O obradoiro foi eminentemente práctico, abordando o fenómeno do acoso escolar dende a ollada dos seus diferentes protagonistas,e poñendo especial fincapé nos e nas observadoras das situacións de bullying, como un dos mecanismos esenciais para a prevención.

Ademais o alumnado construiu casos prácticos versados na súa percepción e posibles experiencias, sobre os cales se artellaron mecanismos e pautas de actuación dende tódalas ópticas posibles, e que tiveron que levar á practica de xeito vivencial no obradoiro.

Finalmente o obradoiro rematou cun compromiso por parte do alumnado, de carácter individual e voluntario, identificando accións que van a desenvolver para facer fronte ao acoso escolar, e que sirvan de xerme dunha dinámica proactiva e empoderadora do alumnado ante esta problemática.

Arelar desenvolveu a execución técnica e educativa do obradoiro.