Xuntos e xuntas contribuímos a un mundo mellor!

O programa “Voluntariado Miúdo: Móvete” desenvolveuse ao longo do curso 2020-21 dende unha perspectiva de fortalecemento da rede dos centros implicados e tendo como premisa fundamental a adecuación ás medidas hixiénico-sanitarias que permitiran un correcto desenvolvemento do proxecto e dos seus obxectivos neste contexto de pandemia derivado da COVID-19.

Tódolos centros participantes tiveron que adaptar os seus proxectos a esta nova realidade, e deste xeito as ferramentas virtuais, as actuacións dende grupos burbullas, ou a reinvención de novas iniciativas que non precisaran de interaccións grupais foron o fío condutor dos proxectos.

O encontro virtual celebrado o 28 de maio foi reflexo deste traballo e da consolidación da rede de Voluntariado Miúdo a pesares da distancia.

Outros dos elementos fundamentais do programa neste curso foi a elaboración do material recompilatorio dos proxectos de cada centro, titulado “Xuntos e xuntas contribuímos a un mundo mellor”.

Dende este material podemos recoller a esencia dos proxectos dos centros participantes e os rasgos identificativos de cada proxecto no que o alumnado asume un protagonismo central na vertebración dos mesmos.

O material recompilatorio recolle as iniciativas máis relevantes de cada centro, as percepcións do alumnado, os impactos e transformacións propiciadas con cada proxecto así como as imaxes e audiovisuais dos proxectos.

“Xuntos e xuntas contribuímos a un mundo mellor” permite indentificar a suma de esforzos que o alumnado e o profesorado do Voluntariado Miúdo é capaz de realizar para xerar pequenas transformacións e cambios na súa contorna e poder ver de forma palpable o valor da acción voluntaria e a solidariedade. 

Arelar coordinou o desenvolvememnto das accións compartidas do programa na que se implicaron os diferentes centros.

Este programa é promovido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado no marco do Plan Proxecta.