Monthly Archives: Xuño 2023

Aprendemos a mellorar a nosa comunicación

Hoxe ven de rematar o obradoiro de comunicación “Comparte e expresa” impulsado por FADEMGA e que se celebrou ao longo do dia 19 e 20 de xuño na sede da Asociación Chamorro (Narón). O curso foi dirixido ao grupo de 16 autoxestores da entidade, e tiña como obxectivo a mellora das destrezas e competencias comunicativas do grupo de cara ao proceso de falar en público, ben en actos da propia entidade, como para o seu desenvolvemento persoal e mellora comunicativa.

O grupo foi trementamente participativo e amosou un elevado nivel de implicación en todo o proceso, adicando gran parte do tempo a realizar exercicios prácticos destinados a descrición das actividades que fan na súa asociación e á preparacion dunha presentación sobre a reivindicación dos seus dereitos como cidadanía activa, poñendo especial fincapé naquelas cuestións que máis lle preocupan.

O curso foi impartido por Arelar, sendo o primeiro dunha serie de obradoiros que ao longo deste verán, se desenvolverán por diferentes entidades vencelladas a FADEMGA.

“Voluntariado Miúdo”: Un espazo para compartir experiencias solidarias

Ven de celebrarse o Encontro de alumnado de educación primaria participante no programa “Voluntariado Miúdo” e no que se xuntaron 170 alumnos e alumnas no Albergue Xuvenil da Marina Española (Bergondo) para compartir experiencias e proxectos solidarios que impulsan os diferentes centros nos seus contextos.

O Encontro permitíu dun xeito lúdico e dinámico compartir proxectos, actividades e intereses conectados aos proxectos de voluntariado que impulsa cada centro educativo, de forma que diferentes ámbitos de traballo foron compartidos ao longo da xornada. Deste xeito, a interculturalidade e os procesos migratorios, a diversidade funcional, o medioambiente ou as persoas maiores foron os eixos que definiron os diferentes proxectos compartidos.

O programa “Voluntariado Miúdo” é impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e de feito o alumnado tivo a oportunidade de compartir a xornada xunto a Conselleira de Política Social e Xuventude Fabiola García, que puido comprobar de primeira man as diferentes propostas presentadas polo alumnado como protagonistas dos seus proxectos.

Ler máis…